Wednesday 08 de May de 2024

O Concello da Pobra, por medio da concellaría de Educación, a cargo de Genoveva Hermo, xunto cos centros de ensino, conscientes destas carencias, buscamos a maneira de paliar estas desigualdades


O día 12 de marzo a Consellaría de Educación deu a orde de suspender todas as clases
presenciais e de realizar tarefas de repaso e reforzo por vía telemática dos contidos
estudados ata ese momento. O período de tempo que en principio estaba previsto foise
alongando e esta situación fixo máis visible que nunca a fenda dixital, que afecta un
catro por cento do alumnado do ensino obrigatorio no noso concello.
Na situación actual de confinamento causado pola pandemia que estamos a sufrir, o
acceso á educación depende de que os fogares teñan ordenador e conexión a Internet e o
alumnado que carece desta rede familiar vese seriamente prexudicado, xa que perde o
único contacto posible cos seus profesores e profesoras e coas tarefas que estes lles fan
chegar a través deste medio.
O Concello da Pobra, por medio da concellaría de Educación, a cargo de Genoveva
Hermo, xunto cos centros de ensino, conscientes destas carencias, buscamos a maneira
de paliar estas desigualdades.
Os equipos informáticos dos que dispoñen os centros educativos puxéronos á
disposición do seu alumnado, pero resultan insuficientes para atender a toda a demanda.
Nesta situación o Concello complementou a falta de equipos e tamén a ausencia de
conexión a Internet, facéndose cargo do préstamo de 12 ordenadores portátiles, grazas á
colaboración da concellaría de Mocidade, que cedeu os equipos da Casa da Mocidade.
Tamén se distribuíron 27 tarxetas de datos, co seu correspondente adaptador, que darán
acceso a Internet a todos os alumnos e alumnas que están nesa situación.
Desta maneira, a colaboración entre os centros educativos e o Concello vai permitir que
todo o alumnado poida seguir traballando usando como recurso o ordenador e Internet.
Isto abre outras posibilidades para o profesorado, que tratará de suplir con estas
ferramentas a imposibilidade das clases presenciais.
Poñer os medios para que todos e todas teñan as mesmas oportunidades no acceso á
educación é unha das tarefas máis gratificantes que o goberno da Pobra pode levar a
cabo neste momento.
Dende o Concello tamén queremos agradecer a disposición para conseguir os mellores
medios para o alumnado da Pobra do Caramiñal por parte do seu profesorado, que se
tomou a molestia de contactar con todas as familias para coñecer cal era a situación
exactamente.